Marcas

Marcas

Disposición final cuarta do RD 685/2013: Todos os animais da especie porcina deberán ser marcados o antes posible e, en calquera caso, antes de saír da explotación cunha marca, consistente nun crotal auricular ou unha tatuaxe segundo o que estableza a autoridade competente, de similares características ás descritas no anexo V. A dita marca determinará a explotación da que proceden os animais e conterá a estrutura establecida no artigo 5 do Real Decreto 479/2004, de 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro xeral de explotacións gandeiras (REGA).

Descrición das marcas para o gando porcino (Anexo V)

1. Para os animais de cebo no caso de que a marca auricular sexa mediante crotal, este será de plástico e flexible ou de plástico e latón, constará de dúas pezas ensambladas entre si mediante un vástago na peza macho ou unha terceira peza, quedando de tal maneira unidas que sexa imposible a súa separación.
Cando a autoridade competente estime oportuno desenvolver accións sanitarias nas que sexa necesario identificar individualmente aos animais, a dita identificación farase de acordo ao establecido no apartado 2 deste anexo.

2. No caso de que a autoridade competente estableza a identificación dos animais reprodutores mediante un crotal, este será de plástico flexible e nel poderá constar, ademais do código da explotación, a identificación individual do animal. A dita identificación estará composta polo indicativo provincial mais catro números e dúas letras.

3. Cando o marcado se realice mediante unha tatuaxe esta realizarase con tinta indeleble e será facilmente lexible ao longo de toda a vida do animal.

A efectos prácticos, a identificación porcina poderá polo tanto realizarse en calquera tipoloxía de animal (leitóns, porcinos de cebo ou animais reprodutores):

- Con crotal auricular.

- Con tatuaxe con tinta indeleble. Os restos da tinta van permanecer no animal despois do seu sacrificio, polo que será unha tinta autorizada para uso alimentario. Esta tatuaxe pode aplicarse en calquera parte do corpo, pero o habitual é a aplicación no lombo do animal.
Nos dous casos, a estrutura do código de identificación corresponderá coa estrutura do código REGA (código de rexistro da explotación de procedencia) que consta de 14 díxitos segundo a seguinte estrutura:

ES + XX + YYY+ ZZZZZZZ

Onde:

ES= España
XX= código INE da provincia (en Galicia 15/27/32/36, A Coruña/Lugo/Ourense/Pontevedra)
YYY= código INE de concello, por exemplo 052 = Concello de Silleda (Pontevedra)
ZZZZZZZ= sete díxitos que identifican á explotación dentro do concello

Notas importantes:

1.- Considérase correcto que nas marcas con tatuaxe (non no caso dos crotais auriculares) se podan eliminar os “0” situados á esquerda no rango dos 7 díxitos ZZZZZZZ que identifican a explotación dentro do concello.
Exemplo: ES360520006901, podería identificarse como ES360526901

2.- Así mesmo, considérase correcto que na tatuaxe, na zona dorso-lumbar, a codificación se presente nunha soa liña ou en dúas. No caso de utilizar a marcaxe en dúas liñas, aconséllase que na liña superior consten os díxitos ESXXYYY e na liña inferior os sete díxitos ZZZZZZZ que corresponden á explotación dentro do concello (ou menos díxitos no caso de que se supriman os ceros accesorios situados a esquerda).

3.- É necesario deixar claro que o “martelo punzonador” habitualmente usado aplicado sen tinta, directamente na zona dorsal dos animais non é un método adecuado pois a identificación que provoca, por pequenas hemorraxias xeradas polas agullas do martelo, non posibilitan a identificación do animal en todo momento tras o marcado senón só despois de realizado o escaldado do animal no matadoiro. Ademais non é considerado unha tatuaxe en si, pois esta implica o emprego de tinta.
Si sería considerado un método acorde coa normativa vixente se ese mesmo martelo punzonador é utilizado impregnado en tinta antes da súa aplicación; estariamos a falar entón, dun “martelo tatuador” con tinta que posibilita a lectura do código de identificación en todo momento tras a aplicación do mesmo.

4.- Ademais da marca coa identificación do código de explotación á que pertencen habitualmente por cuestións zootécnicas os animais reprodutores adoitan portar códigos de identificación individual, aínda que esta non está establecida en Galicia como obrigatoria. Polo tanto, os animais reprodutores que se destinen a sacrificio en matadoiro, considéranse correctamente identificados, como calquera outro animal da especie porcina si presentan a identificación co código de explotación de procedencia segundo o indicado anteriormente, tendo a codificación de identificación individual que puideran portar, carácter facultativo.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde